Hai uns anos e nestes mesmos días do mes de novembro ía nun barco chamado ‘Cabo de Hornos’ camiño de Montevideo. Alí agardaba o meu pai que era o fillo más pequeno dunha familia da aldea de Tines (Vimianzo) na que só había unha filla emigrada, Hermosinda, en Bos Aires. Sempre lle preguntaban a meu pai cal foi a razón de non ir para a capital da República Arxentina. A resposta era sempre a mesma e dicía que nunca quixo deixar a aldea xa que tiña casa propia e que o de Montevideo foi motivado pola insistencia do seu amigo Ramón de Castromil co que tivera en sociedade un obradoiro no que os dous ferreiros mallaban no metal para facer boas ferramentas e aparellos agrícolas.