ORGANIZADA POLA AGRUPACION ALBORADA

Festa galega na honra do Apóstolo na localidade catalana de A Llagosta

A Agrupación Cultural Galega Alborada de A Llagosta (Barcelona) que preside, Xosé Luís Salgueiro, acaba de celebrar a XI Festa Galega en honor a Santiago Apóstolo, un evento xa de referencia nas actividades culturais e sociais da vila, segundo o seu alcalde, Antonio Rísquez Caballero.
Festa galega na honra do Apóstolo na localidade catalana de A Llagosta
 O público asiste a unha das actuacións no ‘Parque Popular’.
O público asiste a unha das actuacións no ‘Parque Popular’.

A Agrupación Cultural Galega Alborada de A Llagosta (Barcelona) que preside, Xosé Luís Salgueiro, acaba de celebrar a XI Festa Galega en honor a Santiago Apóstolo, un evento xa de referencia nas actividades culturais e sociais da vila, segundo o seu alcalde, Antonio Rísquez Caballero. A Festa Galega, que con tanto agarimo organizan os compoñentes de Alborada, é unha mostra palpable da irmandade cultural e cívica que prevalece entre as diferentes comunidades que constitúen o tecido sociocultural desta vila situada a 15 quilómetros de Barcelona e cunha pobación de 15.480 habitantes, dos cales a redor de medio millar son galegos.
Unha ampla porcentaxe destes galegos participan nas actividades que durante o ano levan a cabo na A.C.G. Alborada, un escaparate de tolerancia e respecto mutuo, e que ten na Festa en Honor a Santiago un dos actos máis significativos que celebra dentro da súa programación anual.
Son xa case tres lustros de andadura da A.C.G. Alborada nos que logrou consolidarse como unha das entidades de maior relevancia na Llagosta. Boa mostra disto é esta Festa, evento que ano tras ano ocupa un lugar destacado no calendario cultural e festivo da cidade.
O ‘Parque Popular’ da Vila acolle cada ano os diferentes actos que durante o fin de semana se levan a cabo, un ronsel de actuacións de diferentes grupos de música e danza tradicionais das comunidades autónomas con referencia na vila, destacando a colaboración do resto de entidades galegas de Barcelona que acudiron masivamente cos seus grupos para darlle un cor autenticamente galego á tradicional festa en honra ó Apóstolo.
Tamén é de subliñar a participación neste evento do Concello de A Llagosta, xa que durante o fin de semana a bandeira galega era izada con todo solemnidade no edificio da Casa Consistorial.
Os actos litúrxicos tamén formaron parte das actividades congregando a numerosos veciños da vila, na celebración dunha misa no recinto do parque, despois dunha procesión polas rúas centrais da vila, presidida pola imaxe do Apóstolo e arroupados polo Grupo de Gaitas da Agrupación Galega.
Como cartel de presentación hai que destacar unha nova edición da revista ‘Alborada’, un anuario que co gallo desta celebración edita a entidade, na que se recolle un exhaustivo traballo biográfico das actividades máis sobranceiras da entidade levadas a cabo durante o ano, cun esmerado deseño e un contido de calidade. A publicación recolle ademais as aspiracións de futuro da entidade, así como un bo feixe de traballos de interese cultural sobre Galicia, e reportaxes dedicados a diversos lugares do país.