Os primeiros tangos e milongas (A emigración galega no tango riopratense)
O tango é a música popular e a danza máis representativa das terras riopratenses e forma sólida parte da cultura urbana na Arxentina e no Uruguai. O tango non é folklore xa que posúe autores que son os músicos e letristas. O seu propio nome é motivo de discusión e hai varias teses sobre a posible etimoloxía da voz tango. Roberto Selles di que xunto co tráfico de escravos embarcou tamén un “ritmo polizón” agachado nas mans dos negros. Hai investigadores que sosteñen que o ritmo naceu nas costas de Guinea que era unha zona de forte tráfico escravista. Din que nalgunha das linguas dos escravizados a palabra bailar é tamgu ou tiangu pero no norte de Guinea o bailar é dongo e tomton ou tamtamgo. Para intentar un achegamento a orixe da danza chamado tango hai que visitar a autores como Vicente Rossi, Carlos Vega, Lauro Ayestarán, León Benarós, Ventura R. Lynch, Cédar Viglietti, José S. Tallón, Andrés M. Carretero, Tulio Carella ou Jorge Luis Borges xa que non hai acordo sobre a achega dos africanos na súa xestación.