A Xornada de Normalización Lingüística celebra os 30 anos dos equipos de dinamización
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na inauguración da XVII Xornada de Dinamización Lingüística que tivo lugar no Consello da Cultura Galega e que cada ano es organizado por Escolas Católicas en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na inauguración da XVII Xornada de Dinamización Lingüística que tivo lugar no Consello da Cultura Galega e que cada ano es organizado por Escolas Católicas en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade valorou o papel destas xornadas “que reúnen os docentes e permiten compartir experiencias de dinamización da lingua galega e colaborar para promovela nos centros educativos, porque da cooperación xorden as mellores ideas”. Así mesmo, o secretario xeral lembrou “o papel fundamental que ten o profesorado para transmitir unha imaxe positiva da lingua galega e animar a xente nova, presente e futuro da lingua, a usala dentro e fóra das aulas”.
Xunto con Valentín García participaron nesta sesión inaugural Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, e Juana Otero, secretaria autonómica de Escolas Católicas.
Tras o acto de apertura comezou a conferencia ‘30 anos de EDLG. O seu futuro á luz do novo currículo’, impartida polo inspector educativo Elisardo López Varela e centrada en celebrar o traballo que, desde hai tres décadas, veñen realizando os Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) dos centros de ensino públicos, privados e concertados galegos. De seguido, un relatorio analizou a figura elixida para renderlle homenaxe nas Letras Galegas a partir do vindeiro xaneiro. A docente e directora do proxecto ‘As letras de Florencio’, Déborah Álvarez Moldes, quen tamén se implicou na candidatura do autor do Barco para este 2022, pronuncia a charla ‘Unha achega á vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán’.
O resto da mañá completouse coas chamadas experiencias, a primeira, ‘Despedindo o ano de Xela’, que, como o seu título indica, pecha o ano da poeta máis rompedora das nosas letras da man de Patricia Romasanta e Chelo Quintana, docentes do colexio Carmelitas de Ourense; a segunda, ‘Un mergullo no mundo de Florencio’, impartida por Josefa Domínguez, coordinadora de dinamización lingüística do colexio Divina Pastora do Barco de Valdeorras, abre o camiño ao novo homenaxeado, que sitúa Valdeorras como epicentro destas Letras 2022.
A continuación tivo lugar, por terceiro ano consecutivo, a entrega dos Premios Irmán Reboiras ás mellores iniciativas de fomento do galego, patrocinados polo grupo Rodeira Edebé, que recoñecen o labor dos equipos dos colexios Divina Pastora de Ourense, con Elías Piñeiro á fronte; e San José de Cluny de Santiago, con Esther Balboa, polas iniciativas ‘Cantando en galego’ e ‘Galegoteka’, respectivamente. Finalmente, a xornada pechou cunha homenaxe a un persoeiro da cultura, como é habitual, que este ano ampliou os seus horizontes ao mundo da música recoñecendo o grupo de gaiteiros ‘Os raparigos’, de Ferrol.