“Volvemos a vivir Galicia en plenitude en tódolos recunchos do mundo”

É momento de facer balance do vivido neste 2022 que acaba de rematar. E neste senso, cabe destacar como moi positivo que se puido, por fin, e grazas as vacinas e a implicación de todos, volver a unha normalidade moi necesaria.
Deste xeito, puideron volver a abrirse as portas de todos os centros galegos do mundo; retomar as actividades presenciais; volver a viaxar de xeito cotiá e recuperar o contacto persoal que tanto necesitábamos.
Para a Secretaría Xeral da Emigración tamén supuxo a volta ás visitas aos galegos do exterior; ás reunións coas entidades; os encontros culturais, lúdicos e de promoción da nosa cultura. Volvemos así a vivir Galicia en plenitude en tódolos recunchos do mundo.
Pero nós, dende a Xunta de Galicia, queremos facer máis pola nosa colectividade, e dende ese punto de vista, estivemos a traballar, intensamente, para seguir a apoiar aos nosos galegos do exterior e aos centros que os aglutinan, para que nunca se sintan sos e poidan continuar coa súa labor en prol da promoción, coidado e amor pola nosa cultura.
Ademais, tamén conseguimos aprobar a nova Estratexia Retorna, unha ferramenta que ten coma obxectivo contribuír a que a moitos dos nosos volvan a casa.
Dende a administración autonómica cremos firmemente no dereito dos galegos do exterior e dos seus descendentes a regresar, e somos conscientes do beneficio que para a nosa sociedade ten esa volta.
Xustamente acabamos de aprobar a próxima convocatoria das bolsas de Excelencia Mocidade Beme, que teñen como obxectivo ofrecer a oportunidade aos galegos universitarios do exterior de realizar un máster nunha das nosas tres universidades de xeito que, posteriormente, aposten por Galicia como o seu lugar de residencia. O 80% dos nosos bolseiros así o deciden... por algo será: Galicia ten moito que ofrecer, e así o comproban os que deciden retornar.
Nos próximos meses esforzarémonos a reo para ofrecer, ademais, novas oportunidades laborais en Galicia a quen desexe vir para construír, con nós, esta sociedade que tanto vos estraña.
Que o 2023 traia a paz, a prosperidade e a felicidade que tanto necesitamos.
Felices Festas
Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia