O HIMNO GALLEGO FOI FROITO DA CORRESPONDENCIA ENTRE PONDAL E VEIGA EN 1890 E NON FOI ELIXIDO COMO TAL ATA 1907

Veiga e a “Marsellesa galaica do porvir”

O vindeiro 20 de decembro celébrase o centenario da estrea do Himno Galego, con letra de Pondal e música do mindoniense Pascual Veiga. Foi na Habana, en 1907, nun concerto no Teatro Tacón para recaudar cartos co fin de trasladar a Mondoñedo os restos do xenial músico, que morrera en Madrid meses antes. Curros, presente no acto, leu un emotivo poema no que fala do Himno como “a Marsellesa galaica do porvir”.
Veiga e a “Marsellesa galaica do porvir”
El Centro Gallego de La Habana mostraba un gran aspecto en una de las primeras interpretaciones del Himno Gallego.
El Centro Gallego de La Habana mostraba un gran aspecto en una de las primeras interpretaciones del Himno Gallego.

MARTÍN FERNÁNDEZ

A pesar de que Mondoñedo contou con dúas sociedades na emigración cubana –Mondoñedo y su comarca e Unión Mindoniense– a súa relación coa diáspora está íntimamente relacionada coa figura senlleira de Pascual Veiga ou, para mellor dicir, coa súa música.
Porque é, sin dúbida, o xenial músico mindoniense un dos deuses de Galicia que contribuiu decisivamente á súa identidade coa música por él composta para o Himno. Un Himno, que, como tantas cousas na nosa terra, tivo unha historia cando menos sinuosa...
A súa peripecia e xestación empezaron dezasete anos antes da súa estrea oficial. O texto do Himno foi froito da correspondencia que mantiveron en 1890 o poeta Eduardo Pondal e o músico Pascual Veiga que, por entón, vivía na Coruña, onde dirixía o ‘Orfeón Coruñés’ co que, aquel mesmo ano, gañara a Medalla de Ouro en París nun certame de música coral.


Escrito en 1890
Veiga pediralle ó vate de Bergantiños un texto para unha partitura que iba presentar a un concurso. Pondal remiteulle un texto, que titulou Breogán, e que houbo de rectificar ante a solicitude de Veiga de que efectuara cambios na acentuación a fin de adaptalo no seu ritmo á música que compuxera.
O texto definitivo publicouse, co título ‘Os Pinos’, por primeira vez o 22 de maio de 1890 no folleto do certame rexional que convocara o ‘Orfeón Coruñés’ para elixir a mellor ‘Marcha Rexional Gallega’. O mesmo texto foi publicado tamén na revista ‘A Monteira’, de Lugo, e en ‘El Eco de Galicia’ da Habana, que dirixía o estradense Waldo Alvarez Insua. Pero, fora de varios ensaios, o Himno non chegou a interpretarse, ó menos de xeito oficial.
Esta cuestión, a da súa interpretación por vez primeira, foi posta recentemente en dúbida polo musicólogo Fernando López Acuña que aportou probas de que o Himno foi composto en 1890 e logo interpretado nalgún dos varios orfeóns que Veiga dirixiu cando se trasladou, dous anos despois, a Madrid para dirixir o ‘Orfeón Matritense’, o ‘Orfeón do Centro Galego’ e para impartir clases no ‘Conservatorio Nacional de Música’.


Sentido de ausencia
O certo é que a súa estrea oficial tivo lugar no Teatro Tacón, na Habana, o 20 de decembro de 1907. No porqué se estreou en Cuba e no porqué foi elixido Himno Galego teñen que ver, unha vez máis, os nosos emigrantes.
Como dí o propio López Acuña, “o Himno creouse como tal na Habana, non por casualidade. Era unha das capitais culturais do mundo, había unha forte emigración que tiña sentido de ausencia, de perda de Galicia. Querían ser galegos e modernos, e tiñan cartos para selo. Escolleron un poema á moda, iluminado e cheo de símbolos”.
O ‘Centro Galego da Habana’, a máis importante institución galega da emigración e unha das máis trascendentes para o país, nacera en 1879 a partir dunha idea proposta polo xornalista estradense Waldo A. Insua. Tiña distintas seccións de Instrucción, Saúde, Beneficiencia, etc., e un ano despois da súa constitución xa contaba con 701 asociados.
O seu prestixio, a súa laboura altruista para Galicia e os galegos, e o seu crecemento, foron imparables. En 1906 –o mesmo ano en que Veiga morría en Madrid– o ‘Centro Galego’ comprou o ‘Teatro Tacón’, no corazón mesmo da cidade, así como os terreos lindeiros. Neles, o 8 de decembro de 1907, colocaron a primeira pedra do seu Pazo social, hoxe monumento nacional e un dos edificios más fermosos e emblemáticos da Habana, que foi rematado en 1913.
Para ese acto foi levada pedra das canteiras de Parga (Lugo) e na caixa de chumbo colocaronse unha colección de moedas antigas, os recibos dos socios número un, Xosé María Allegue, e de Emilia Pardo Bazán, socia de honra. E a ‘Banda Municipal da Habana’, dirixida por Guillermo Tomás, interpretou a ‘Alborada’ de Veiga.
Aquel mesmo ano de 1907, o ferrolán José Fontenla Leal, factotum das principais iniciativas do ‘Centro Galego’, encargara a Curros Enríquez a letra do que querían que fose o Himno Galego para o que o mestre José Castro Chané comporía a música.
Pero Curros, que entón residía na Habana, non foi quén de cumprir o encargo, según Neira Vilas porque se levaba mal con Chané, e segundo outros, porque se atopaba vello e enfermo e o encargo fora feito con certa premura.


Fondos para un mausoleo
Esa circunstancia levou a Fontenla a escoller para Himno de Galicia o poema de Pondal coa música de Veiga, que xa fora escrito en 1890. E a súa estrea oficial foi na data antedita de 1907 no ‘Gran Teatro Tacón’.
A data non foi gratuita. Según Neira Vilas, o propio ‘Centro Galego’, con Fontenla Leal á cabeza, decidira organizar unha velada para recadar fondos co fin de erguer en Mondoñedo un mausoleo a Pascual Veiga, morto en Madrid uns meses antes.
No escenario colocaron un busto do músico mindoniense, obra do escultor e emigrante vigués Mariano Miguel. Á beira, un relevo coa esfinxe de Pondal. E vintecinco mozas –en representación das outras tantas sociedades microterritoriais galegas existentes na Habana– foron colocando cada seu ramo de flores diante das dúas imaxes dos autores do Himno.
A velada foi unha louvanza e unha reinvindicación de Pascual Veiga. Entre outras composicións, interpretouse a ‘Alborada de Montes’, pola ‘Orquestra da Opera’, dirixida por Chané, e a ‘Banda Municipal da Habana’, dirixida por Guillermo Tomás, membro correspondente da ‘Academia Galega’, tocou o Himno de Pondal e Veiga.
Pola súa banda, o ‘Orfeón Ecos de Galicia’ cantou a ‘Alborada de Veiga’, a soprano María Giúdice interpretou ‘Unha noite na eira do trigo’ e ‘Un adiós a Mariquiña’, e un coro de nenos do plantel do sanatorio ‘Concepción Arenal’, que rexían as ‘Hijas de Galicia’, fixo unha emotiva versión de ‘Airiños, airiños aires...’.
O acto rematou coa intervención do presidente do ‘Centro Galego’, José López Pérez, e co recitado de Curros Enríquez, dende un palco, dun poema en honor de Pascual Veiga que compuxera uns días antes da velada.


Curros canta a Veiga
O poema lido por Curros dí: “O celta que diante dos astros se axoenlla/ deixounos neste canto de multiforme son/ o matinal saúdo, a luz do sol vermella/ feito de estrondos de himno e rogos de oración”. E conclúe: “¡Gloria a quén un tesouro nesa canción vos leiga/ que ha de ser a Marsellesa galaica do porvir!./ ¡Eterno aplauso, vítores eternos ó gran Veiga/ dun polo ó outro polo, do cenit ó nadir!”.
É obvio engadir que unha estruendosa ovación acolleu os versos de Curros en honra de Veiga. Non só polos méritos do músico mindoniense senón tamén polo esforzo de Curros, que falecería sete semanas despois, por estar presente no solemne nacemento do Himno Galego.
Dende aquela data, o 20 de decembro de 1907, ata 1923, o Himno Galego de Pondal e Curros foi entonado por rexionalistas e agraristas en tódolos seus actos, de xeito que se foi consolidando paulatinamente como símbolo de Galicia. Cando se prohibiu o seu uso perante a dictadura de Primo de Rivera, as sociedades galegas de América intensificaron a súa interpretación pública e, coa chegada da Segunda República, o Himno acadou o recoñecemento oficial.
En 1912, con ocasión do traslado dos restos de Pascual Veiga ó seu Mondoñedo natal, os emigrantes galegos, agradecidos, colocaron unha placa na casa onde naceu e subvencionaron o mausoleo do mestre.