“Somos o único partido que non participou en manobras de fraude”

“Somos o único partido que non participou en manobras de fraude”
    Pregunta. Durante a celebración da comisión tiveron coñecemento de que una das persoas que enviou un ‘email’ desde Bos Aires recoñecendo que María Isabel Blanco actuou como axente electoral tamén lle enviou un ‘email’ ao presidente da comisión para coñecer que persoa puxo en cuestión o seu proceder neste caso?
    Resposta. Non. Non se nos comentou nin a min nin a nosa representante na Mesa, Carme da Silva.
    P. E de producirse isto así, a obriga do presidente sería poñelo en coñecemento dos partidos?
    R. Eu entendo que si. Cando hai un chamado nese sentido, o lóxico é poñelo en coñecemento dos grupos.
    P. Van pedir explicacións por isto?
    R. Eu creo que a comisión rematou os seus traballos. Sobre a actuación do presidente da comisión, el pode saber cal é a valoración e a nota que lle pon o BNG e, polo demais, non sei se ten moito sentido reabrir as cousas. Para nós, sobre todo unha vez que a xustiza xa está coñecendo no asunto, o caso concreto é importante, pero é que se está a falar non dun caso aillado, senón dun caso que, tristemente, constitúe a norma na actuación do PP e do PSOE no exterior. Para nós o fundamental é avanzar e impulsar os cambios que impidan que estas actuacións se produzan no futuro.
    P. O PP denunciou que na postura que viña mantendo o BNG na comisión de investigación houbo un cambio de actitude entre o xoves e o venres. Din que o vernes, coincidindo co día que declarou Ricardo Varela, vostedes suavizaron a súa postura. Que lles parece esta observación?
    R. É lóxico que o PP o diga, pero non é certo. Xa dixen que nós actuamos sempre da mesma maneira. Penso que non cambiamos a nosa actitude. Pódese escoitar o discurso do BNG de todos os días da comisión e pódese comprobar que a liña é a mesma e que ese discurso se entende perfectamente. Nós eramos o único partido dos tres que estaban alí representados que nunca participamos en manobras de fraude ou manipulación do voto exterior. Sei que iso ao PP moléstalle, pero é certo. Hai cinco anos estabamos falando das manobras do PP, hai tres anos estabamos falando dunha viaxe institucional de Fraga en plena precampaña electoral. Entón, entendo que ao PP nombrarlles o pasado non lles gusta, pero as cousas non se entenden se non sabemos de donde vimos. O que queremos é ir a raíz do asunto e para iso hai que cambiar a lexislación electoral, tamén en materia de control de subvención, e tamén certas rutinas, que veñen de antes, de concesión pouco regular desas subvencións.
    O PP, nas súas conclusións, non fala de modificar a lei, de regular as viaxes institucionais, porque só se centra nun caso concreto. E digo eu, que nos aproveita a todos? De que nos serve investigar un caso concreto se non se poñen as bases para que esa actuación non se repita?
    P. O que ocorre é que para sentar esas bases xa se creara no Parlamento unha ponencia que se ocupou de consensuar un texto de reforma da Lorex no que se incluen todas esas cuestións. Non era isto suficiente?
    R. Era unha ponencia centrada na reforma da Lorex, pero na que nada se dicía da Lei de Eleccións ao Parlamento de Galicia, onde nada se dicía das viaxes institucionais, nin sobre o método de concesión de billetes por parte da Secretaría Xeral de Emigración. O PP non se centra en ningunha destas cuestións, non vai a raíz do asunto. Pois eu creo que a nosa obriga é ir a raíz do asunto. Quen ten que investigar a fondo o caso concreto?, pois, efectivamente, a xustiza. Paréceme ben que o PP vaia á xustiza, pero penso que tamén temos que ser respetuosos cos diferentes ámbitos.