A ASOCIACIóN CELEBROU UN ANO MáIS A TRADICIONAL FESTA EN CAN MERCADER

‘Rosalía de Castro’ de Cornellà entrega as insignas de Prata a tres socios da entidade

A popular ‘Festa Galega de Can Mercader’, que organiza a Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellá (Barcelona), co gallo do ‘Corpus Festa Maior’ de Cornellà, cumpriu un ano máis con tódalas expectativas ao volver xuntar en Can Mercader a milleiros de galegos.
‘Rosalía de Castro’ de Cornellà entrega as insignas de Prata a tres socios da entidade
 Representantes de diversas entidades de Cataluña ofrecen un ramo de flores á estatua de Rosalía de Castro.
Representantes de diversas entidades de Cataluña ofrecen un ramo de flores á estatua de Rosalía de Castro.

A popular ‘Festa Galega de Can Mercader’, que organiza a Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellá (Barcelona), co gallo do ‘Corpus Festa Maior’ de Cornellà, cumpriu un ano máis con tódalas expectativas ao volver xuntar en Can Mercader a milleiros de galegos que, coa súa presencia, fan que este evento siga sendo unha cita ineludible dentro dos actos programados en Cornellà polas súas festas patronais, e tamén como acontecemento no que se dan cita a grande maioría de galegos residentes en Barcelona.

Unha morea de actividades desenvolvidas pola asociación que dirixe Ricardo Pérez Anta durante o penúltimo fin de semana de maio lle deron un especial contido ó acontecemento, que comezou coa homenaxe aos socios da entidade que cumpren 25 anos de militancia.
O venres día 23, pola noite, celebrouse no recinto da festa unha ‘Cea de Irmandade’ á que asistiron ó redor de 200 socios de ‘Rosalía de Castro’, así como amigos de outras entidades, e diversas autoridades e membros da Corporación Municipal de Cornellá.
Na cea se homenaxeaba coa ‘Insignia de Prata’ a tódolos socios que levan 25 anos de antigüidade na Asociación, que, nesta ocasión, foron tres: Rafael Puga, Emilio López e Xosé Vila.
Os organizadores desenvolveron un programa de actos ambicioso que deu uns excelentes resultados, xa que todo se desenvolveu segundo o previsto, e as actuacións todas elas estiveron a un nivel acorde coa resposta do público que masivamente acudiu a cada unha delas.
No eido musical, cabe destacar o concerto que ofreceu o venres pola tardiña o grupo de música tradicional galega afincado en Barcelona ‘Neirela’, cunha asistencia de público importante, e no que ‘Neirela’ presentou como primicia o seu primeiro traballo discográfico; un disco que leva o título do propio grupo e que está editado por Acega Edicións, a través da productora musical que dirixe o músico Serxio Seoane, ‘Serxiofolk’.
Neste traballo, o grupo recolle as ilusións musicais sementadas por Marc Xarau, Alfonso Rodrigues e o propio Serxio, fundadores do grupo, que fixeron un profundo traballo de investigación para a súa elaboración, con pezas de autoría propia e outras de tradición popular con arranxos do grupo o no que podemos escoitar música tradicional galega arranxada ao estilo do grupo.


Un acto de identidade galega
Esta festa ten o seu máximo esplendor cando se rende homenaxe á poetisa que lle dá nome a entidade, coa celebración da ‘Ofrenda Floral’, un acontecer de identidade galega que se levou a cabo o sábado pola mañá.
Un emotivo acto no que o alcalde de Cornellà, Antonio Balmón, xunto co presidente da entidade galega, Ricardo Pérez Anta, e o representante da Xunta de Galicia, Carlos Santiso, xunto co do goberno catalán, Joan Soler, fixeron de anfitrións do evento.
Socios, amigos, entidades vinculadas coa emigración e institucións públicas renderon unha sentida homenaxe de Cataluña e Galicia á musa das letras galegas, a poetisa Rosalía de Castro, depositando o tradicional tapiz confeccionado coas súas respectivas bandeiras, ó son dos himnos catalán e galego, interpretados polas bandas de gaitas participantes perante o numeroso público que cada ano acode á ofrenda, así como representantes dos diferentes estamentos políticos e socioculturais de Cataluña, a Corporación Municipal de Cornellà e as diferentes entidades galegas de Cataluña, que cada un deles ofreceu un ramallo de flores á musa de Can Mercader.


Música e gastronomía galega
Coa ofrenda floral iniciouse o ronsel de actuacións dos quince grupos de música e danza, tanto galegos como de Cataluña que, durante os dous días, lle deron contido á festa, coas súas espectaculares actuacións. Estas desenvolveronse dun xeito semellante ás grandes festas galegas nas que non faltan, ademais das gaitas, os diferentes productos da gastronomía galega, como é o polbo, que este ano veu especialmente desde Galicia da man dos pulpeiros do Carballiño ‘Pulpería Xantares’, empanada, lacón, etc., ademais dos ricos viños do país.
As orquestras ‘Pasarela’, ‘Azteca’ e ‘Cristal’ encargaronse de amenizar as multitudinarias verbenas que durante as tardes e noites da fin de semana encheron o recinto de Can Mercader.
Ademais de tódalas actuacións, que estiveron á altura que o evento merece, no eido gastronómico, numerosas familias se deron cita, como cada ano, á sombra das centenarias árbores de Can Mercader, para degustar de xantares campestres e compartir unha fin de semana gozosa con amigos e familiares; unha xuntanza gastronómica e festiva na que se citan cada ano amigos e familiares da colectividade galega de Cataluña, que compartiron con socios e amigos da entidade organizadora unha gran festa galega en Cataluña.
A presentación das actividades correu a cargo dos locutores Manolo Valdes, director do programa ‘Lonxe da Terra’, de Radio Tele-Taxi, e Xulio Couxil do programa ‘Sempre en Galiza’ de Radio Cornella, coordinando tódolos actos o Delegado Cultural da A.C.G. Rosalía de Castro, Xosé Carlos García González.