Foi presentada polo secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García

Iolanda Díaz Gallego presentou o seu libro ‘Decidín desvelar o proceso’ na Asociación Rosalía de Castro de Cornellà

A Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà de Llobregat acolleu, o sábado 15, a presentación do libro ‘Decidín desvelar o proceso’, da histórica galeguista Iolanda Díaz Gallego, presente tamén no evento na altura dos seus noventa anos, sendo presentada polo secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, na compañía do profesor Xulio Couxil Vázquez e mailo presidente da entidade galega en Cornellà, Oliver Fernández.

Iolanda Díaz Gallego presentou o seu libro ‘Decidín desvelar o proceso’ na Asociación Rosalía de Castro de Cornellà
Cornella-Libro Yolanda Diaz 1
Un momento da presentación do libro de Iolanda Díaz na Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà de Llobregat.

No seu libro, Iolanda Díaz describe as memorias da súa vida, ademais da memoria de toda unha xeración de galegos e galegas emigrantes no Uruguai, entre as décadas dos 50 e 70 do século pasado.

Iolanda Díaz Gallego naceu en Sarria (Lugo), onde pasou a súa nenez ata os 19 anos, que emigrou a Uruguai, coa súa nai e irmáns, despois de rematar a carreira de Perito Mercantil na Coruña. No Uruguai chegou a ser secretaria xeral do Banco de Galicia e, entre outras actividades, colaborou coa Historia de Galicia de Ramón Otero Pedrayo, participou na emisión de radio ‘Sempre en Galicia’ e foi unha das fundadoras do Teatro Popular Galego de Montevideo e do Patronato da Cultura Galega de Montevideo.

Na actualidade vive en Barcelona, onde participou asiduamente no desenvolvemento da comunidade galega actual. Entre os seus méritos cabe significar a fundación en 1983, do Fogar Galego o Penedo e a creación do grupo de teatro Zarabanda, así como a súa participación e colaboración na maioría de entidades, dando conferencias e noutros actos. Na A.C.G. Rosalía de Castro foi e é un piar importante, pois ela foi a autora da primeira conferencia que se fixo na entidade no ano 1980, e participou no Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro, como parte do seu xurado en diversas ocasións, así como no programa de radio ‘Sempre en Galicia’, que ten esta entidade en Radio Cornellà, na actualidade dirixido por Xulio Couxil e a participación de Armando Fernández, e que acaba de cumprir 37 anos seguidos en antena.