Francisco Valeiras González gana o primeiro premio da 38ª edición do Certame de Poesía en Lingua Galega ‘Rosalía de Castro’
O sábado 7 de decembro, celebrouse o acto de concesión dos premios da 38ª edición do Certame de Poesía en Lingua Galega ‘Rosalía de Castro’, organizado pola Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornella (Barcelona), que preside Oliver Fernández Expósito, e no que se lle concedeu o primeiro premio a Francisco Valeiras González pola súa obra ‘Brillar (algúns textos para vecEDIPO)’.

Pola tarde, fíxose a presentación do libro recopilatorio dos poemas premiados no Certame de Poesía, Rosalía de Castro de Cornellá entre o 2019 e o 2023, organizado pola Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellá. O acto foi presentado polo secretario xeral da Lingua de la Xunta, Valentín García, así como a presidenta do xurado, Fina Casalderrei; o secretario do mesmo, Xulio Couxil Vázquez; o escritor Armando Requeixo, as autoridades municipais e numeroso público, socios e amigos da entidade organizadora.
O libro presentado conten poemas premiados de Lupe Gómez, Xurxo Alonso, Clara Vidal, Carmen Gómez García, Martiño Maseda, Andrea Nunes Brións, Xosé Luís Santos Cabanas, Masha Alvarez e Francisco Fernández Davila, con ilustracións de Ángela Costas Parada, e a cuberta do pintor de Padrón Masito Beiró.
A recepción dos asistentes á cea de convivencia estivo amenizada pola Banda de Rosalía de Castro.
Pola noite, e no transcurso dunha cea-convivio celebrada no restaurante da Asociación, e presidida polo seu presidente, Oliver Fernández, e Valentín García, xunto coa tenente de alcalde e Joana Piñero Romera o rexidor do Barrio da Gabarra, Sergio Martín no que ten a sede social a A.C.G. Rosalía de Castro, e á que asistiron numerosos socios e amigos, así como diversas autoridades do mundo da cultura e a sociedade de Cataluña e Galicia, ademais de representantes da Corporación Municipal de Cornella, delegacións doutras entidades galegas de Cataluña e do xurado do certame composto, despois das deliberacións oportunas, acordan conceder premios aos seguintes poemas: primeiro premio, ‘Brillar (algúns textos para vecEDIPO)’, de Francisco Valeiras González (Quico); segundo premio, ‘Froito’, de Francisco Javier Jardón Bahía; e tercer premio, ‘Matriz. Ser e Simulación’, de Alberte Momán Noval.
38 anos do certame de poesía
Dentro do proxecto cultural e literario que a Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornella, creou en 1986, sendo presidente da entidade Henrique Fernández-Mon Sánchez, e xunto coa edición da revista ‘Lúa Nova’ e os programas de radio ‘Sempre en Galiza’ e máis tarde ‘Galegos no Baix’, créase tamén o Certame de Poesía en Lingua Galega ‘Rosalía de Castro’, que este ano chega a súa trinta e oito edición.
A principios do ano 1987 convócase a primeira edición do certame coa finalidade de promove-la poesía galega e os novos poetas que saíran do país, e tamén como homenaxe á insigne poetisa que dá nome a asociación. Cumprindo esta tarefa desde os seus comezos ata hoxe, participaron no certame o máis salientable dos escritores que cultivan a primeira das artes da nosa lingua, a poesía. Poetas noveis, afeccionados e mesmo consagrados participaron cos seus traballos ao logo dos trinta e oito anos de vida do Certame. Compre lembrar, precisamente este ano a que nos acaba de deixar Darío Xohán Cabana, que foi o gañador da primeira edición en 1987.
Máis de tres décadas consecutivas da edición deste certame, que na actualidade conta cunha inmensa simpatía dentro dos aconteceres poéticos do país e na emigración galega, no que levan participado poetas de tódolos lugares do mundo, alí onde os galegos e os seus descendentes se atopan e cultivan esta arte literaria na nosa lingua. Coidamos que se non é un dos máis importantes editados en lingua galega hoxe, sen lugar a dúbidas, si é o máis importante que se deu na Galicia exterior ó longo da súa historia, e os mesmos participantes dannos a razón, dado o seu interese ano tras ano por participar no Certame, e segundo as valoracións dos diferentes xurados que se encargaron nestas edicións de dar a coñecer os gañadores. Consideran importante non só o número de participantes, que é moi abondoso e altamente positivo senón que a calidade dos traballos presentados ao Certame, xeralmente e salvo contadas excepcións, é excelente.
Pola calidade dos traballos e polos personaxes gañadores do certame, fai que o Certame neste intre goce dunha inmellorable saúde e as expectativas de futuro son engaiolantes para todos nós que estamos ao redor deste importante evento cultural galego feito en Cornellà, e o que é máis importante para a cultura galega e para o noso país. Nesta 38ª edición houbo unha excelente participación de 93 traballos que aportaron 87 autores.