Francisco Javier Fernández Davila, primeiro premio do Certame de Poesía en Lingua Galega ‘Rosalía de Castro’, en Cornellà
Este sábado 26 de novembro, celebrouse o acto de concesión dos premios da 36ª edición do Certame de Poesía en Lingua Galega ‘Rosalía de Castro’, organizado pola Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà (Barcelona) e no que se lle concedeu o primeiro premio a Francisco Javier Fernández Davila polo seu poema ‘Incendios’.

Pola tarde, o acto de concesión dos premios foi precedido da presentación dos dous libros: ‘Paisaxes de pan’, de Anxela Gracián, e ‘A senda poscrita’, de Alberto Cacharrón.
‘Paisaxes de pan’ é unha autobiografía poética coa que autora regresa á súa infancia rural, tan paradisíaca como elexíaca, recuperada aquí como lugar de resistencia. Coa memoria como liña condutora, a aldea e a casa recíbena de novo porque, como dicía Baudelaire, “no fondo todos estamos determinados pola nenez”.
Congregadas a carón do lume, recíbena todas as personaxes que un día a habitaron. Como voceira de todas elas, a avoa Anuncia refire historias de pan e mitoloxías de noso, que invocan a Muller da Gadaña, a néboa do Chamoso e certos paxaros agoirentos. Pola súa boca fala o mundo, transcendendo o que era oco e que existe porque ela o nomea de novo. Tamén vén ao noso encontro o Home do Saco, ensinando a desafiar o medo, para descifrar logo os signos da pedra e entrar así na desmemoria. Rodeando todo aquel mundo de paisaxes de pan, eríxese altiva e fachendosa a carballeira, símbolo da beleza suprema.
O libro ‘A senda proscrita’, da man de Alberto Cacharrón e o recoñecido pintor Alexandro, combina arte, literatura e historia arredor do Camiño de Santiago a Fisterra.
Amósanos unha época na que por este camiño pasaron distintas culturas –entre elas, a celta– antes de que o cristianismo se apropiase dos seus arcanos ritos e establecese a Ruta Xacobea que coñecemos, que remata en Compostela. Xunto a el, Cacharrón achéganos coa súa literatura ás historias reais que rodean o territorio da Costa da Morte. Deste xeito, ambos, autor e ilustrador nos dan a coñecer a maxia do camiño proscrito e o misterio da ruta a Fisterra.
O acto contou coa asistencia de numeroso público, así como a presencia do alcalde de Cornellà, Antonio Balmón, que se encargou de pechar o acto agradecendo a colaboración de tódolos protagonistas do acto, significando ademais a diversidade cultural de Cornellà, poñendo en relevancia a traxectoria da A.C.G. Rosalía de Castro, destacándoa como unha das máis importantes entidades da cidade.
Pola noite e no transcurso dunha cea-convivio celebrada no restaurante da Asociación, e presidida polo seu presidente, Oliver Fernández, á que asistieron numerosos socios e amigos, así como diversas autoridades do mundo da cultura e a sociedade de Cataluña e Galicia, ademais de representantes da Corporación Municipal de Cornellà, delegación da Xunta de Galicia, concretamente Política Lingüística, delegacións doutras entidades galegas de Cataluña e do xurado do certame, composto por:
Presidenta: Anxela Gracián: naceu na aldea de Gracián San Paio de Arcos (Castroverde-1968). Escritora, tradutora, crítica literaria, animadora cultural e editora galega. Licenciada en Filoloxía Hispánica, subsección galego-portugués, pola Universidade de Santiago de Compostela.
Vicepresidenta: Ánxela Lema París (Muros 1991) Investigadora posdoutoral Margarita Salas, membro do Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega (ILLA) da Universidade da Coruña e colaboradora do grupo EDILIGAL.
Vocal 1º: Alba Cuquexo, licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela (2012). Master en Estudos da Literatura e da Cultura. Estudo, edición de textos, investigación estudos literarios e culturais. Universidade de Sanitago de Compostela
Vocal 2º: Armando Requeixo (Mondoñedo, 1971). Crítico literario e investigador. Profesor da Universidade de Santiago de Compostela, secretario científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e Catedrático de Lingua e Literatura Galegas no Ensino Secundario, é tamén coordinador de Actividades e Publicacións da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro.
Vocal 3º: Xulio Simón Rúa (Lugo 1955). Profesor, licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Barcelona. No 1985, realizou o Curso de Lingua e Cultura Portuguesa na facultade de Letras da Universidade de Lisboa. En 1990 participou no Curso ‘Didactique du Français Langue Etrangère’, na Université de Paris III Sorbonne Nouvelle. Colaborador dende a súa fundación coa Asociación Cultural Rosalía de Castro de Cornellà (Barcelona), A partir da década de 1980 creou unha cronoloxía da literatura galega xunto coa portuguesa, catalá, española e a universal que abrangue do 1850 ao 2004, que se publicou como unha wiki co nome de xulipedia.com. Este traballo está aberto á participación e aportación persoal.
Vocal 4º: Luís Losada Rodríguez (Ourense 1957). Licenciado en Química pola Universidade de Santiago de Compostela. Ten traballado de mestre ate a súa xubilación, sendo entre outros responsable do Centro de Recursos de Pontevedra e Director de varios centros públicos de ensino.Ten impartido diferentes cursos de formación ao profesorado e participado en programas educativos europeos en varias edicións.
Vocal 5º: Alberto Cacharrón Mojón (Ourense 1962). Diplomado en Maxisterio coa especialidade en Humanidades. Paralelamente á faceta familiar e laboral, sempre tivo moi presente as súas tres grandes paixóns: Escritura, Deporte e Viaxes de Aventura. Esa combinación fusionouna literariamente coa edición do seu segundo libro: ‘Mi otro tiempo’. Tamén ten publicado outros libros de temática ‘Camiño de Santiago’, como ‘Iter Sancti Jacobi-el camino de Initiatus a Illuminatus’ e outros máis.
Vocal 6º: Xosé Carlos García, presidente de Xuntanza de Catalunya, filólogo, xestor cultural e condutor do programa en galego ‘Ecos da Terra’ de Radio Teletaxi.
Secretario: Xulio Couxil Vázquez, profesor. Licenciado en Galego e Portugués, xubilado. Dirixe os programas ‘Semprengalicia’, de Radio Cornellà e ‘Galegos no BAIX’, de Radio Sant Boi.
Déronse a coñecer aos gañadores deste ano 2022:
Primeiro premio: Francisco Javier Fernández Davila, de Nigrán (Pontevedra), polo seu poema titulado ‘Incendios’. O xurado destacou deste premio a linguaxe coidada con moito vocabulario creativo. Presentación e construcción moi ben elaborada. Valorando e respectando a diversidade sexual, homosexualidade, a “non femineidade”. Imaxes que representan metáforas ideais.
Segundo premio: Xurxo Alonso García, de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), polo seu traballo ‘A senda do furtivo’. O xurado comenta a súa musicalidade poética e sintonía versicular. Imaxes de personaxes ben recoñecibles. Linguaxe galega moi coidada, cunha relación léxica e concreción cultural creativa e de transmisión agradable.
Terceiro premio: Andrea Nunes Brións, de Marín (Pontevedra), polo poema ‘Increibel pero certa’. Este texto aporta unha reescrita moi coidada, dende o feminismo. Cultura popular. Amor non tóxico con tintes de bixesualidade. Representa un amor plural. Escrita transgresora pero non ofensiva, que vai do universal ao particular. Moderna, diferente.
Dentro do proxecto cultural e literario que a Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellá creou en 1986, sendo presidente da entidade Henrique Fernández Sánchez, e xunto coa edición da revista ‘Lúa Nova’ e os programas de radio ‘Sempre en Galiza’, e máis tarde ‘Galegos no Baix’, créase tamén o Certame de Poesía en Lingua Galega ‘Rosalía de Castro’, que este ano chega a súa trinta e seis edición.
A principios do ano 1987 convócase a primeira edición do certame coa finalidade de promove-la poesía galega e os novos poetas que saíran do país, e tamén como homenaxe á insigne poetisa que dá nome a asociación. Cumprindo esta tarefa desde os seus comezos ata hoxe, participaron no certame o máis salientable dos escritores que cultivan a primeira das artes da nosa lingua, a poesía. Poetas noveis, afeccionados e mesmo consagrados participaron cos seus traballos ao logo dos trinta e seis anos de vida do Certame. Compre lembrar, precisamente este ano que nos acaba de deixar Darío Xohán Cabana, que foi el o gañador da primeira edición en 1987.
Máis de tres décadas consecutivas da edición deste certame, que na actualidade conta cunha inmensa simpatía dentro dos aconteceres poéticos do país e na emigración galega, no que levan participando poetas de tódolos lugares do mundo, alí onde os galegos e os seus descendentes se atopan e cultivan esta arte literaria na nosa lingua. Coidamos que se non é un dos máis importantes editados en lingua galega hoxe, sen lugar a dúbidas, si é o máis importante que se deu na Galicia exterior ó longo da súa historia, e os mesmos participantes dannos a razón, dado o seu interese ano tras ano por participar no Certame, e segundo as valoracións dos diferentes xurados que se encargaron nestas edicións de dar a coñecer os gañadores. Consideran importante non só o número de participantes, que é moi abondoso e altamente positivo senón que a calidade dos traballos presentados ao Certame, xeralmente e salvo contadas excepcións, é dunha calidade excelente.
Pola calidade dos traballos e polos personaxes gañadores do certame, fai que o Certame neste intre goce dunha inmellorable saúde e as espectativas de futuro son engaiolantes para todos nós que estamos ao redor deste importante evento cultural galego feito en Cornellà, e o que é máis importante para a cultura galega e para o noso país. Nesta 36 edición houbo unha excelente participación de 110 traballos que aportaron 97 autores.Cer