Compendian nun libro os 115 anos do Centro Galego de Barcelona
‘Máis que nós ninguen’. Con este suxerente título, o historiador Manuel Carrete presentou un adianto da súa investigación sobre a historia do Centro Galego, segundo a cal, foi fundado no 1892 por Tiberio Ávila Rodríguez, natural de Viana do Bolo (Ourense). Detivose en explicar o perfil daqueles primeiros socios, entre os que había “carlistas, masóns e militantes do PSUC”. Asemade, o historiador identificou o ‘Centro Regional Gallego Asturiano’, creado no 1887, como a primeira referencia documental a un “centro” galego na cidade condal.
Segundo Manuel Carrete, a historia completa será editada baixo o título ‘Máis que nós ninguén’, co apoio do Concello de Barcelona, e faranse dúas edicións, unha en galego e a outra en catalán.
O presidente do Centro Galego, Luís Lamas, valorou as achegas das primeiras persoas que formaron parte do Centro Galego: “taxistas, porteiros e catedráticos”, como un feito histórico de gran calado, e emocionouse ao explicar como os galegos, “por moi humildes que foran as súas orixes, sempre se esforzaron en darlles aos seus fillos a mellor educación”.
Do mesmo xeito foi a intervención do secretario xeral de Emigración, quen afirmou que nas familias de emigrantes galegos, partindo moitas veces de situacións de extrema pobreza, non tiveron que pasar moitas xeracións para melloraren notablemente a súa situación.
Rodríguez referiuse tamén á socialdemocracia, que permitiu avanzar na escala social e ao “afán de superación dos galegos”. Tamén significou o fluxo de poboación entre Galicia e Cataluña que xa existía hai cen anos, “agás ás malas comunicacións”, como un símbolo de “entendemento entre ambolos dous pobos”.
O Centro Galego de Barcelona é a institución decana de tódalas entidades galegas en Cataluña. Polos seus locais pasaron figuras do mundo da pintura, da política, da literatura, da prensa e doutros tantos eidos que fixeron do Centro Galego de Barcelona un expoñente vivo e actual da cultura galega na sociedade barcelonesa e catalana. Grandes persoeiros galegos como Otero Pedrayo, Castelao, Vicente Risco, Portela Valladares, Álvaro Cunqueiro, Prieto Nespereira, García Patiño e Pura Vázquez, entre outros moitos, deixaron a súa pegada na entidade converténdoa na ‘embaixada galega’ en Barcelona.
Xa hai máis de 50 anos que as súas marabillosas instalacións se atopan nas ramblas barcelonesas, no andar principal do número 35-37, que fora propiedade da familia Güell. Neste local atópase unha das máis importantes bibliotecas de temática galega de fóra de Galicia: a Biblioteca Otero Pedrayo, que na actualidade conta con máis de 10.000 volumes, entre os cales hai verdadeiras xoias. Actualmente estase facendo un importante labor por parte do bibliotecario Pedro Feliz, xa que está introducindo as referencias bibliográficas no ‘Sistema Meiga’, da Xunta de Galicia. Iso comporta que os usuarios de internet poden facer consultas do material que dispón a biblioteca en calquera momento. Actualmente xa hai a redor de 3.000 volumes en liña.
As instalacións do centro acollen un restaurante propio que foi renovado totalmente en outubro do 2005. Nel pódense degustar productos típicos de Galicia de gran calidade tódolos días da semana, agás os luns.
Os socios do Centro Galego de Barcelona poden realizar cursos de gaita, baile, percusión, música coral, solfexo, acordeón, pintura, lingua galega... e tamén das conferencias, coloquios, tertulias, teatro e outras actividades culturais que se desenvolven ó longo do ano.
Históricamente O Centro Galego de Barcelona leva a cabo unha actividade incesante no marco da representación de Galicia en Cataluña. ¡Que dicir da revista ‘Alborada’!, con máis de medio século de historia, ou dos equipos de fútbol (Centro Gallego C.F. e a Peña Galaica) ou do equipo de básquet.
Todo isto da lugar a que o Centro Galego de Barcelona sexa considerado como unha institución dentro da sociedade catalana, e unha referencia entre toda a comunidade.