O Centro Galego ‘Nós’ otorgalle ao alcalde de Sabadell a Medalla de Ouro

Manuel Bustos Garrido, alcalde de Sabadell (Barcelona), foi condecorado coa Medalla de Ouro do Centro Galego ‘Nós’ de Sabadell, entidade que preside Rogelio Martínez e que nestas datas compre o seu 30º aniversario. O acto tiña lugar o pasado 22 de novembro no Hotel Sabadell e ao cal asistiron numerosos socios e amigos da entidade galega, así como diversos alcaldes cataláns que o acompañaron neste recoñecemento que os galegos de Sabadell lle fixeron, así como o alcalde de Vigo, Abel Caballero; Xaime Rei, alcalde de Redondela; e o de Pol (Lugo), Lino Rodríguez.
Destacar tamén a presencia da senadora Carmela Silva, portavoz do PSOE no Senado, así como o director xeral de Centros e Comunidades Galegas da Xunta de Galicia, Carlos Sixirei.
Despois dunha recepción na Casa Consistorial da cidade, na que o alcalde Manuel Bustos recibía á Xunta Directiva do Centro Galego ‘Nós’, xunto coas diferentes autoridades e unha nutrida representación de galegos residentes en Sabadell, Manuel Bustos agradecía oficialmente esta condecoración, así como a contribución que os galegos vencellados ao Centro fixeron para a consolidación cultural, laboral e social da cidade.
Recoñecemento
De seguido, a comitiva trasladábase ao Hotel Sabadell onde o presidente do Centro, Rogelio Martínez, lle entregaba a Medalla de Ouro da entidade en recoñecemento a súa tarefa como alcalde da cidade, e tamén dun xeito destacado a súa colaboración e apoio a tódalas actividades que se desenvolven acotío na entidade galega.
Durante a cea de gala que arroupou a homenaxe, os asistentes tiveron a ocasión de escoitar –ademais das oratorias das distintas personalidades as cales coincidiron en resaltala figura do homenaxeado e a súa traxectoria colaboracionista cos movementos socioculturais da cidade, así coma do Centro Galego– a actuación da Banda de Gaitas ‘Toxos e Xestas’ de Barcelona que lle puxo a nota musical ao evento.