OS REPRESENTANTES DO BNG ANA MIRANDA E XOSÉ MANOEL BEIRAS VISITARON AOS GALEGOS DE CHILE

Ao fin chegan os compañeiros

Sí que os agardabamos... Con Ana Miranda tiñamos unha correspondencia periódica, dende hai catro anos, falabamos pola fiestra virtual e polo móbil, i ela prometía vir ás terras do Último Reino, mais chegaba ata Bós Aires e volta para á casa, sen choutar por riba da cordilleira... Produciúse o milagre, e arribaron, ela e mais Xosé Manoel, na mañán do 22 de novembro... Apertámonos no aeroporto de Pudahuel, en Santiago do Novo Extremo, como se fósemos vellos amigos nun agardado rencontro.
Ao fin chegan os compañeiros
 Xosé Manoel Beiras y Ana Miranda, xunto a algúns dos asistentes ao encontro na sé do Centro de Estudos Galegos.
Xosé Manoel Beiras y Ana Miranda, xunto a algúns dos asistentes ao encontro na sé do Centro de Estudos Galegos.

Sí que os agardabamos... Con Ana Miranda tiñamos unha correspondencia periódica, dende hai catro anos, falabamos pola fiestra virtual e polo móbil, i ela prometía vir ás terras do Último Reino, mais chegaba ata Bós Aires e volta para á casa, sen choutar por riba da cordilleira... Produciúse o milagre, e arribaron, ela e mais Xosé Manoel, na mañán do 22 de novembro... Apertámonos no aeroporto de Pudahuel, en Santiago do Novo Extremo, como se fósemos vellos amigos nun agardado rencontro.  

“Dicir ‘colonialismo’ en Galiza, é como mentar ao diaño...”
Xosé Manoel Beiras


Falamos dos soños compartidos, das arelas de liberdade, do compromiso dos pobos máis alá das fronteiras... Eles viñan a estreitar lazos de colaboración cos colectivos mapuches do Wallmapuwen, irmandade pola defensa da terra... Mapuche significa “xente da terra” (Mapu=terra; che=xente). E que somos os galegos senón fillos da terra? Asemade loitadores pola recuperación da nosa dignidade asoballada durante séculos polos mesmos poderes hexemónicos que impuxeran aos mapuches as cadeas dunha lingua allea e dunha relixión onde a espada e a cruz foran a mesma ferramenta de oprobio material e de ideoloxía allea a o seu mundo e a súa cosmogonía máxica, vencellada ás voces da terra nai.  
Aquel sábado pola mañán percorrimos, nunha curta e rápida travesía, os sitios máis emblemáticos do “bairro cívico” deste Santiago do austro: La Moneda, co recordo imborrábel –aínda que agochado baixo capas de pintura- do bestial bombardeo nun 11 de setembro (data xa fatídica) hai trinta e cinco anos... Quitamos fotografías xunto á estatua do Presidente inmolado, Salvador Allende, cecáis o último socialista que morrera loitando polos seus ideais, sen claudicacións nin componendas... Logo, visitamos o nicho onde xace o primeiro galego que arribou a Chile, Rodrigo de Quiroga e Camba, natural de Seteventos, terras de Monforte, Lugo, quen fora lugartenente do adiantado e conquistador, Pedro de Valdivia. A sepultura atópase tras do atrio da igrexa da Merced, Baixo unha lápida de mármore que leva o seu nome e as datas de nacemento e morte (1512-1580), xunto a súa compañeira, a extremeña Inés de Suárez, con quen compartira trinta anos de matrimonio –case unha proeza de supervivencia daquela–... Ana quitou fotos mentres o ‘pecador’ Beiras admiraba a enorme nave central do templo, os vitrais e as imaxes do barroco de Indias que trouxeran de Quito os frades agostinos.
Pasado o mediodía, os compañeiros embarcaron rumbo á cidade de Temuco, oitocentos quilómetros ao sur, para cumprir o compromiso de xuntanza cos mapuches do Wallmapuwen, asociación que está a piques de se converter nun partido político que represente os anceios de participación no Parlamento chileno, ata hoxe pechado ás minorías en virtude dun sistema binominal que impide a representatividade dos grupos que contan con menos do dez por cento do universo electoral. O noso Benegá traspásalles a súa experiencia de acción política, facendo realidade o internacionalismo militante e dinámico.
(Ana e Xosé Manoel manifestáronse moi impresionados destes contactos vivos e arrequentadores, testemuñas que se materializarán axiña nunha nova crónica...)
O martes 25 xuntámonos os tres a comer, nese ritual tan galego de gorentar a amizade e o condumio alixerado polas verbas e o bo viño chileno, de escura cor de sangue e sabor de vellas mieses... Lembramos que as primeiras cepas foran traídas ao sur do mundo por ese lucense visionario que foi Rodrigo de Quiroga, proveñentes dos viñedos de Chantada, onde aínda se fai ise “viño da casa” que alcende as boas nostalxias no corazón da casa petrucial, na Touza lonxana, en Santa María de Vilaquinte.
Polo serán, Beiras profiriu a súa conferencia ‘Identidad Nacional e Cultural e Mundialización: o Caso Galego’, na sé do noso Centro de Estudos Galegos da Universidade de Santiago de Chile, ante membros da colectividade galega residente (Lar Galego de Chile), estudantes dos cursos de Magíster e Diplomado, amigos da cultura e da lingua galega e académicos do Instituto de Estudios Avanzados. Rematada a vibrante exposición, abriuse un interesante debate e os presentes manifestaran as súas inquedanzas e asemade fixeran preguntas atinxentes ao caso galego, establecendo as pertinentes relacións e comparanzas co caso mapuche. Suliñáronse os aspectos políticos, sociais e culturais, o fenómeno da diglosia na convivencia inarmónica do galego co castelán; do mapuche co castelán de Chile, as posíbeis alternativas de ensino do mapudungun (lingua da terra mapuche) nas escolas rurais, onde os nenos sofren o menoscabo da súa identidade a partir da deturpación da súa lingua nai... “Moito temos que decir os galegos nestes eidos”, afirmou Xosé Manoel.
Un dos asistentes refiriuse ao colonialismo, aínda vivo nas terras ancestrais dos mapuches, practicado con maior ferocidade polos criollos ou mestizos chilenos que chaman, ao través da súa prensa, “usurpadores” á máis antiga etnia de Chile en fronte das súas lexítimas demandas de recuperación da súa Mapu.
Ana Miranda destacou os recentes contactos en Chile, o interese de profundalos dende unha perspectiva social, cultural e amistosa: “Non vimos aquí –afirmou– a recoller votos nin a facer proselitismo electoral que favoreza aos caciques de sempre, senón a estreitar lazos perdurábeis na auténtica solidariedade dos pobos...”.
Os catro días voaran como as anduriñas de testa estrelada que o noso pai galego lembraba nos lonxanos tempos da nenez... Hai dez anos que o fillo da Touza tivera o seu pasamento... Hai dez anos que fundáramos o noso Centro de Estudos Galegos en Santiago de Chile. O que non pasa é a esperanza e a fonda amizade dos mellores compañeiros: Ana e máis Xosé Manoel.