Opinión

Un moi merecido recoñecemento para o doutor Sixto Seco

Un moi merecido recoñecemento para o doutor Sixto Seco

Irmandade da Sanidade Galega homenaxeou ao doutor Sixto Seco coa colocación dunha placa conmemorativa na esquina compostelá das rúas Ourense e Antonio Casares que era onde tiña a súa vivenda o moi coñecido médico traumatólogo nacido en Mugardos. Son moitos os merecementos de don Agustín e van máis alá do que lle recoñece a Irmandade que son o seu humanismo e uso cotiá do galego cos seus pacientes na clínica A Rosaleda da que foi fundador xunto ao doutor Fernández Albor.

Eu quero lembrar o seu moi fraternal achegamento aos emigrantes riopratenses en tempos nos que a Xunta ía poñendo os primeiros chanzos no camiño da dignificación do esforzo emigrante. Hai que agradecerlle a súa xestión para que o busto de Castelao chegase a Rianxo para ser instalado na fronte do mar nun emotivo acto coa presencia de Otero Pedrayo. Sen o bo facer do fillo dun carpinteiro da Bazán (estaba orgulloso da súa orixe e sempre a tiña presente) non sería posible que a doazón do Patronato da Cultura Galegade Montevideo fose a primeira homenaxe, autorizada polas autoridades franquistas, a Castelao.

Era o ano 1975 e eu aínda vivía na capital da República Oriental do Uruguai e formaba parte da xunta directiva doPatronatoda que era o máis novo dos seus integrantes. Alí foi onde escoitei falar por boca do secretario que era Fernando Pereira Caamaño (logo alcalde electo de Soutomaior nas primeiras municipais do 3/IV/1979) dun médico que era moi galeguista e admirador de Castelao e que se movía moi ben dentro dos ámbitos administrativos. Anos despois souben que foi don Agustín quen falou co presidente Fernández Albor para que lle outorgasen a Medalla Castelao a don Xesús Canabal Fuentes e pouco despois, fun eu, quen lle pediu que o meu querido Meilán (Manuel Meilán Martínez) fose tamén homenaxeado coa mesma distinción.

E xa que estou falando das medallas Castelao debo de suliñar que don Agustín era unha persoa chea de gratitude sincera para os galeguistas riopratenses e por iso quedou moi doído e entristecido cando fixo a petición das medallas para Maruxa Villanueva e Fernando Iglesias (Tacholas) e só lle foi concedida a dona Maruxa. No seu despacho da Rosaleda e case con bágoas nos ollos díxome algo así como que “Tacholas é moi republicano para Fraga”. Pero como era un home de sentimento verdadeiro non esqueceu o desprezo a Tachola se organizou unha viaxe do “Patronato Rosalía de Castro” a Bos Aires para levar a dona Maruxa a reunirse co seu compañeiro de escenario. O acto no Centro Galego de Bos Aires foi moi emotivo xa que era a despedida entre dúas persoas valentes que mantiveron aceso o lume da identidade propia no seo da colectivade emigrada.

Hai moito que agradecerlle ao bo e xeneroso doutor Sixto Seco e son moitas as persoas que recibiron a súa axuda ou o seu empurre ou o seu consello en calquera actividade cultural de sementeira de galeguidade. Graciñas, don Agustín.